Xeografía

Riotorto é un concello galego situado na parte nororiental da provincia de Lugo. Limita ao Norte cos concellos de Mondoñedo e Lourenzá; ao Leste con Trabada e A Pontenova; ao Sur con Meira; e ao Oeste coa Pastoriza. O concello de Riotorto tén unha extensión de 66,30 km², nos que, segundo datos do 1 de xaneiro de 2006, viven 1.634 habitantes, que se reparten en oito parroquias: Aldurfe, Espasande de Baixo, Ferreiravella, Galegos, A Muxueira, A Órrea, Riotorto e Santa Marta de Meilán. A capital do concello é As Rodrigas, na parroquia de Riotorto, situada a 48 km de Lugo.
Riotorto pertence ao partido xudicial de Mondoñedo e á diocese de Mondoñedo-Ferrol, formando xunto coa Pontenova o arciprestado de Miranda, nome co que se coñecía antigamente a estas terras. Na división comarcal da Xunta, Riotorto foi incluido na comarca de Meira, xunto co concello deste nome e os de Pol e Ribeira de Piquín.





Historia

Os primeiros restos históricos que se atopan en Riotorto corresponden á época castrexa, sendo achados a maioría deles no castro da Croa, situado entre As Rodrigas e O Teixeiro, na parroquia de Riotorto. Os achádegos foron realizados por Villaamil y Castro a finais do século XIX, sendo o máis destacable o torques ou brazal de Riotorto, datado entre os séculos III e I a. C. e que se conserva no museo provincial de Lugo. Tamén se atoparon outros obxectos de ouro e de bronce, como empuñaduras, fibelas ou arracadas.
Na época medieval as terras que conforman o concello de Riotorto estiveron vencelladas ao bispado de Mondoñedo e ao mosteiro de Meira. Neste tempo ergueuse na parroquia da Órrea un mosteiro de monxas, posiblemente benedictinas, coñecido como o Mosteiro de Donas, e que rexía un couto que comprendía as actuais parroquias da Órrea e Galegos, ademáis dalgunhas aldeas do actual concello de Meira e propiedades en Ribadeo, A Pastoriza e outros lugares. No século XV, Riotorto, Aldurfe e Meilán formaban parte da xurisdicción de Riotorto, da que era señor o prelado de Mondoñedo xunto con outros partícipes. O resto das parroquias formaban os coutos redondos de Ferreiravella, A Muxueira e A Órrea.
Unha executoria da Real Chancelería de Valladolid, expedida o 16 de maio de 1509, declarou a
 xurisdicción de Riotorto propiedade dos bispos de Mondoñedo, a quen lla desputaban Álvaro González de Ribadeneira e a súa dona María de Bolaño, señores do castelo de Peñaflor, hoxe en estado ruinoso, situado no Machín, na parroquia de Santa Marta de Meilán.
No século XIX tén importancia a Guerra da Independencia, na que se produce unha importante batalla no monte Carracedo, na parroquia de Meilán. Ademáis, unha partida do exército francés aloxouse na igrexa de San Pedro e na casa reitoral, destruíndo varios documentos e libros parroquiais.
A principios do século XX creouse a Sociedad de Labradores y Agricultores, sendo a primeira sociedade agraria creada na provincia de Lugo. Esta sociedade chegou a editar un xornal chamado El Agricultor, que empezou a publicarse en 1907 e durou até 1916, reaparecendo en 1919 cun novo formato. Nesta mesma época, os emigrantes riotortenses en América crean varias sociedades, como Hijos de Riotorto en Bos Aires ou Emigrados de Riotorto na Habana.
O concello de Riotorto foi berce de persoas ilustres, como Avelino Díaz (1897-1971), xornalista e poeta natural da Órrea, que emigrou á Arxentina, onde publicou tres libros de poemas e chegou a ser membro da Real Academia Galega. Outros riotortenses destacados son: Xusto Rivas Fernández (1873-1930), natural do Mazo de Ferreiravella, que estudou no Seminario Conciliar de Mondoñedo e chegou a ser bispo de Plasencia; e Xosé Chavarría, tamén natural do Mazo e que fabricou un carro de combate usado polas tropas aliadas na I Guerra Mundial, sendo a primeira vez que se usaba un artiluxio deste tipo nun conflicto bélico.



Como chegar


A Riotorto pódese chegar desde Lugo pola N-640, collendo o desvío que hai pouco despois do Marco de Álvare; desde Ribadeo, tamén através da N-640, tomando a LU-124 en pasando A Pontenova; ou desde Mondoñedo, pola propia LU-124.


Distancias (en quilómetros)

 Lugo  50 
 Mondoñedo   24 
 Ribadeo  41 
 A Coruña  139 
 Santiago de Compostela   156 
 Ourense   145 
 Vigo   262 
 Pontevedra   236 
 Ferrol   121 
 Oviedo   178 
 Xixón   172 
 Madrid   546 
 Barcelona   1.054